2013/05/28

Antonio Simón


Antonio Simón
Antonio Simón, A Coruña (1949) Director e produtor, é ante todo un home de teatro. Comeza nas artes escénicas nos 70, e desde os 80 colabora asiduamente co CDG. Desenvolveu unha infinidade de labores: figurinista, escenógrafo, iluminador, actor, director. No audiovisual estivo vinculado á xénese do cine contemporáneo en Galicia e destaca como director da longa "A noiva de medianoite" (1997), na que adaptou con Lino Braxe un guión orixinal de Luís Buñuel. Ten feito diversos labores para numerosas producións da TVG. É director e actor de dobraxe desde 1985. Colaborou en moitas obras de teatro con Roberto Vidal Bolaño. Temos que dicir que é o personaxe do Louzao na obra de Roberto, Saxo Tenor.

Así mesmo, Antonio Simón vén de publicar Poemario7x10, (Edicións proscritas, 2013), onde se amosa coma un poeta que domina o verso cunha beleza incomparable. Hai que salientar que os debuxos que aparecen na obra son da súa autoría. Mais xa tiña escrito libros de poemas, como Erostana (Edicións do Castro, 1997) ou O desafío das ondas (Editada polo Porto da Coruña, 2006). Incluímos do seu último Poemario un poema da sección “Infancia”:  

Quentura de xullo 

 Nas pedras do río Carmiña enxugaba roupa 
aquelas cadeiras danzando
 cas saias recollidas na goma da braga.
 Os pes descalzos, pequenos
 as pernas molladas de prata
 o seu riso a competir ca melodía do rio
 meu peito a tatexar por novo e xogantín. 
A tarde cae no camiño de volta
 as mans compartindo o paxe de roupa lenta
 mentres o meu pensamento aloumiña
 o máis recóndito do seu corpo de prata.

           
           Do seu Poemario 7x10

No hay comentarios:

Publicar un comentario