2013/05/30

Fina Casalderrey no Mosteirón


O pasado mércores estivo no noso instituto, nun encontro cos alumnos e alumnas de Secundaria, a escritora Fina Casalderrey. O acto resultou estupendo, xa que se produciu unha empatía fantástica entre a autora e o alumnado. Toda unha lección de literatura por parte de Fina que, nalgúns momentos, provocou fortes emocións entre todos. Fantástica Fina!
María Fernanda Guevara fixo a seguinte reseña dun dos libros que leron os alumnos de 4º de ESO/PDC da escritora: Mutacións xenéticas.
Mafe



 Mutacións xenéticas é un libro narrativo de Fina Casalderrey que, na miña opinión, resulta interesante, doado de ler e narra unha historia que “engancha” desde as primeiras páxinas e sentes a necesidade de seguir léndoo.
O libro trata dun rapaz de 13 anos, Hadrián, que vive en Londres e vai de vacacións a Santiago de Compostela xunta o seu avó, un profesor científico que está na procura dun  importante experimento. Este consiste en tratar de domesticar os animais salvaxes e educalos para que axuden aos humanos.
A historia trascorre nunha vila chamada Fisterra, onde un día uns desalmados secuestran o profesor para roubarlle a fórmula da súa creación. O seu neto, Hadrián, fai todo o posible por encontralo coa axuda dun amigo do su avó e, ao final,  atópao en Portugal. Deciden entón volver a Santiago. O profesor revela o seu invento á sociedade e triunfa. O mundo parece máis desenvolto e a historia ten un final interesante. Recoméndovolo.
                                                                                   María Fernanda Guevara, 4º de ESO/PDC

2013/05/28

Antonio Simón


Antonio Simón
Antonio Simón, A Coruña (1949) Director e produtor, é ante todo un home de teatro. Comeza nas artes escénicas nos 70, e desde os 80 colabora asiduamente co CDG. Desenvolveu unha infinidade de labores: figurinista, escenógrafo, iluminador, actor, director. No audiovisual estivo vinculado á xénese do cine contemporáneo en Galicia e destaca como director da longa "A noiva de medianoite" (1997), na que adaptou con Lino Braxe un guión orixinal de Luís Buñuel. Ten feito diversos labores para numerosas producións da TVG. É director e actor de dobraxe desde 1985. Colaborou en moitas obras de teatro con Roberto Vidal Bolaño. Temos que dicir que é o personaxe do Louzao na obra de Roberto, Saxo Tenor.

Así mesmo, Antonio Simón vén de publicar Poemario7x10, (Edicións proscritas, 2013), onde se amosa coma un poeta que domina o verso cunha beleza incomparable. Hai que salientar que os debuxos que aparecen na obra son da súa autoría. Mais xa tiña escrito libros de poemas, como Erostana (Edicións do Castro, 1997) ou O desafío das ondas (Editada polo Porto da Coruña, 2006). Incluímos do seu último Poemario un poema da sección “Infancia”:  

Quentura de xullo 

 Nas pedras do río Carmiña enxugaba roupa 
aquelas cadeiras danzando
 cas saias recollidas na goma da braga.
 Os pes descalzos, pequenos
 as pernas molladas de prata
 o seu riso a competir ca melodía do rio
 meu peito a tatexar por novo e xogantín. 
A tarde cae no camiño de volta
 as mans compartindo o paxe de roupa lenta
 mentres o meu pensamento aloumiña
 o máis recóndito do seu corpo de prata.

           
           Do seu Poemario 7x10

2013/05/19

Correlingua 2013

 Vídeo gañador do Correlingua 2013, dirixido polo profesor Xosé Seoane.Nel participan alumnos e alumnas do IES Isaac Díaz Pardo, de Sada.



2013/05/15

Laudamuco señor de ningures



Esta obra de Roberto Vidal Bolaño,Laudamuco, señor de ningures, foi publicada pola Editorial Pico Sacro en Compostela, no ano 1977. (Pandigada traxicómica do servo e o señor). O vídeo amosa un anaco da representación da obra polo CDG. O texto quere ser un intento de análise das estruturas de poder e dos seus resotes esenciais, feito non só dende a perspectiva de quen o detenta, senón e sobre todo, dende a de aqueles que o manteñen. Neste senso, o texto aborda como unha das características desas relacións de poder as connotacións mítico-relixiosas nas que este se arroupa e os supostos valores morais (a fidelidade, o espírito de servizo, o servilismo, etc.) que fan posible a súa existencia. A relación servo-señor que o texto presenta dase no intre no qeu xa non semellan existir razóns que puidesen facer xustificable a necesidade de seguila mantendo. Un rei é destronado e condeado a morte, a revolución popular ten trunfado e non obstante o seu servo máis fidel segue con el, servíndoo aínda, porque para el e por enriba de todo, segue sendo "O Rei". A situación límite presentada no texto faille adquirir a este un carácter grotesco, case que choqueiro, que a montaxe quixo potenciar, tencionando que os personaxes adquirisen unha dimensión degradante, grotesca e distorsionada, esfeluxando as súas características esenciais para facelas máis recoñecibles. A obra traballouse na aula cos alumnos de 4º de ESO/PDC, analizando os diferentes aspectos que se reflicten na reseña anterior, así coma outras actividades relativas ao autor ao que este ano se lle dedican as Letras Galegas.

2013/05/08

O chapeu naceu en Roberto máis tarde ca o nariz..

Vede este interesante vídeo para vos informardes sobre diferentes aspectos do gran dramaturgo, Roberto Vidal Bolaño. Doutra banda, está vencellado co libro que vos recomendamos, Un chapeu negro e un nariz de pallaso.

2013/05/07

LETRAS GALEGAS, 2013



ROBERTO VIDAL BOLAÑO (1950, Compostela)

"Non existe un pobo con alma sen poetas que o canten"

 Recomendámosvos desde este blog a lectura do libro, Un chapeu negro e un nariz de pallaso, de Montse Penas e Gonzalo Enríquez. Editorial Galaxia.

 Roi, o fillo de Roberto, conta que seu pai popularizou o seu nariz de pallaso en Sen ir máis lonxe.